O Concello de Dodro, co apoio financeiro da Deputación da Coruña puxo en marcha, en decembro de 2009, o Servizo de Normalización Lingüística, como unidade indispensable no proceso de normalización no ámbito do Concello de Dodro e do país.
As nosas funcións son as seguintes:
Funcións xerais
- Asesorar a Administración en todo o relacionado coa política lingüística
- Facer un seguimento do cumprimento da lexislación en materia lingüística por parte da institución e, por tanto, velar para que se lle garantan os dereitos lingüísticos á cidadanía.
- Colaborar coa Administración para determinar os perfís lingüísticos necesarios en cada un dos postos de traballo e colaborar nas probas e nos procesos selectivos para que se avalíen convenientemente os coñecementos lingüísticos das persoas aspirantes.
Funcións de dinamización lingüística
- Planificar, xestionar, executar e avaliar accións a prol da lingua galega seguindo as directrices de política lingüística do organismo.
- Fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia para a súa repercusión social.
- Propor programas dinamizadores e actividades concretas que conciencien a sociedade a respecto do uso da lingua galega.
- Propiciar e xestionar liñas de información e axuda dirixidas á rede asociativa, empresarial e educativa para fomentar o uso do galego.
- Promover e coordinar grupos de persoas interesadas no proceso de normalización lingüística para que funcionen como axentes normalizadores na sociedade.
Función de formación (socio)lingüística
- Planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos.
- Difundir materiais que contribúan á tarefa normalizadora: dereitos lingüísticos, lexislación, recursos lingüísticos etc.
- Colaborar no deseño de programas de formación non lingüística para garantir a presenza do galego e de contidos favorábeis á mellora de actitudes lingüísticas.
Funcións de asesoramento lingüístico
- Mellorar a calidade lingüística e comunicativa da administración.
- Normalizar a imaxe lingüística e fixar criterios lingüísticos para a organización.
- Resolver dúbidas lingüísticas.
Se ten algunha dúbida ou quere coñecer máis polo miúdo as nosas funcións, pode contactar connosco.
Servizo cofinanciado pola Deputación da Coruña





Do Facebook e o Tuenti en galego a xogos en liña (PDF)