Actualidade en Cultura, Voluntariado e Asociacións Actualidade en Cultura, Voluntariado e Asociacións
UXÍA CANTOU - ROSALÍA PEQUENIÑA-

O pasado sábado 8 de xuño o Concello de Dodro acolleu o concerto “Rosalía Pequeniña” das mans da cantante Uxía Senlle e dos músicos Hector Lorenzo e Santi Cribeiro.

Un amplo público de carácter familiar desfrutou dos poemas musicados de Cantares Gallegos, obra de Rosalía de Castro coa que se iniciou o Rexurdimento da lingua galega no S.XIX. “Has de Cantar”, “Paseniño”, “No bico un cantar”, “Falares de amor”, “Miña Santiña, miña santasa”, “Alborada”, “Maio longo” – poema de Curros dedicado a Rosalía e que popularizou no seu día Luis Emilio Batallán - e “A grasia non era moita” foron algunhas das cancións que se puideron escoitar na Paxareira, pero sen dúbida a máis coreada foi “Come chove miudiño”.

Este espectáculo está baseado nun libro-disco ilustrado por Marina Seoane, impulsado por Uxía e Editorial Galaxia e no que destacan as colaboracións de Sérgio Tannus, Magín Blanco, a Señora Carmen e Sés.

O concerto de Dodro forma parte dun ciclo de actuacións promovidas polo programa “FalaRedes” da Secretaría Xeral de Política Lingüística que logo da súa itinerancia no noso concello continuará o seu percorrido polos 40 municipios da Rede de Dinamización lingüística.

REMATAROU O CURSO DE LINGUA GALEGA PARA AS PROBAS DO CELGA 4

O pasado 31 de maio, nas aulas da Paxareira, no Concello de Dodro, clausurouse o curso de lingua galega preparatorio para as probas do nivel Celga 4. Nesta actividade formativa, subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asistiron participantes dos concellos de Padrón, Rois e Dodro.

Ao acto de clausura do curso, asistiron o alcalde de Padrón, don Antonio Fernández Angueira, a tenente de alcalde do Concello de Dodro, dona María Soledad Boga Grela e o alcalde de Dodro, don Valentín Alfonsín Somoza.

Os mencionados concellos, pertencentes a Rede de Dinamización Lingüística, a través desta iniciativa conxunta e da organización de vindeiros cursos, pretenden seguir contribuíndo á promoción e ao ensino da lingua  galega na Comarca do Sar.

ROSALÍA PEQUENIÑA EN CONCERTO

 Uxía canta "Rosalía Pequeniña" o vindeiro sabado 8 de xuño ás 18h na Paxareira. Esta actividade de dinamización lingüística esta dentro do programa falaRedes da Xunta de Galicia.

CERTAME INTERRITMOS

A Asociación de Desarrollo Local DELOA convoca o "Certame Interritmos", destinado a músicos e /ou grupos noveles, sen obra comercial editada, que interpreten obras musicais tradicionais.

Poderán inscribirse ata o 12 de xullo e o acto celebrarase no auditorio de Padrón o día 20 de xullo.

DÍA DAS LETRAS GALEGAS NA BIBLIOTECA CUNHA XIMCANA LITERARIA

O pasado xoves, 16 de maio o Departamento de Cultura do Concello de Dodro celebrou o Día das Letras Galegas coa realización dunha ximcana literaria na Biblioteca Pública Municipal. Nesta actividade participaron 15 nenas/os nenas e nenos de entre 6 e 12 anos que axudados polos fondos documentais da biblioteca divertíronse e a aprenderon a través dunha bateria de xogos e recursos literarios en lingua galega. No marco da mesma as/os menores descubriron as orixes desta efeméride, traballaron refráns, cancións populares, grandes obras e autores das nosas letras e achegáronse ao mundo do teatro da man do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, autor ao que se lle rindiu homenaxe este ano no Día das Letras Galegas. Ao final da experiencia as/os participantes recibiron un libro como agasallo. O obxectivo desta actuación foi promover dun xeito lúdico o coñecemento, valoración, conservación e uso da lingua galega dende a infancia, como símbolo da nosa identidade e cultura.

Mostrando o intervalo 1 - 5 de 165 resultados.
Resultados por páxina 5
de 33