A xornada da XIV Festa do Carneiro tivo lugar onte cun grande éxito de acollida. A asistencia dos moitos veciños que se achegaron á Fonte Primeiral e que ateigaron ata o 100% a carpa disposta, serve para ratificar as sensacións do equipo de goberno que valora a xornada deste domingo con dobre satisfacción: tanto por confirmar a necesidade da recuperación desta Festa do Carneiro – en tanto que polo de atracción sobre o noso municipio - como pola alegría de gozar con todos e todas os veciños e veciñas duns momentos de concordia, sentíndonos en todo momento como unha FAMILIA UNIDA.
O Concello agradécelle particularme a súa presenza nesta nosa Festa a todas as persoas que se achegaron de tódalas Parroquias de Dodro, tamén desde lugares próximos (como a Pobra, Vilagarcía, Rianxo, Ribeira…) así como desde Asturias, Tenerife, A Arxentina. Non podemos deixar pasar a ocasión de agradecer tamén a colaboración de voluntariado, na campaña de publicidade e o arroupamento prestados por alcaldes doutros Concellos, o grupo de Protección Civil de Boqueixon e ao párroco que oficiou a misa cantada.
Desde o Concello sentiuse tamén un gran orgullo por ter a oportunidade de felicitar, nesta xuntanza multitudinaria, ao campión do mundo de maratón en kaiak, na súa categoría, Rubén Gómez Rial. Máis alá do detalle do que se lle fixo entrega, o mellor que lle puidemos ofrecer foi un cerrado aplauso de recoñemento por parte de todos os veciños alí reunidos, mostrando gratitude e agradecemento a Rubén por facernos partícipes dos seus numerosos éxitos.
Foi así unha xornada de celebración, de sensacións compartidas alí presentes, o que nos leva a sentir tanta satisfacción polo grande éxito pola FESTA DO CARNEIRO.

